Tuesday 07 de May de 2024

A concelleira de Benestar Social valora a  colaboración entre o Concello e Secretariado Xitano  na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano 


Membros da entidade elaboraron un guiso tradicional no Centro Cívico de  San Pedro de Visma 

Como cada 8 de abril, os membros de Secretariado Xitano  na cidade organizaron un acto para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano ao que  asistiu a concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira. Nesta ocasión, á tradicional  lectura do manifesto sumouse a elaboración dun guiso tradicional, a pota xitana, que  compartiron todas as persoas asistentes ao acto celebrado no Centro Cívico de San Pedro  de Visma. 

Neira agradeceulle ao Secretariado Xitano en nome da alcaldesa, Inés Rey, o seu traballo  “na loita contra os prexuízos e a procura de vías de diálogo, de integración e de superación  das barreiras”. “A nosa colaboración céntrase na integración, con maior incidencia na escolarización e a inserción laboral da mocidade, en especial as nenas e as mulleres”,  subliñou Neira. 

Pola súa banda, as persoas membros da entidade agradecéronlle ao Concello o apoio nas  actividades de visibilización da cultura xitana. “A palabra chave é coñecer”, sinalou Santiago  Barrul. “Coñecer a nosa cultura, a nosa historia e a nosa achega é a mellor forma de acabar  cos prexuízos”, engadiu. 

Mañá, un grupo de mozos e mozas de etnia xitana, que están a asistir a un itinerario  formativo en hostalería organizado por Secretariado Xitano, asistirán a un taller de procura  de emprego no Centro Municipal de Emprego. “Nesta visita recibirán unha charla de  orientación e coñecerán as instalacións e posibilidades que ofrece o Centro Municipal de  Emprego”, dixo Neira.

O acto terminou coa degustación da pota xitana e a verza xerezana que elaboraron dous  membros da entidade e co recordatorio de que o ano que vén a celebración do 8 de abril  centrarase na conmemoración dun fito histórico: o 600 aniversario da chegada  documentada das primeiras persoas xitanas á península.